Filo de bacterias grampositivas caracterizadas por un alto contido de G + C no seu ADN. Pódense atopar en ambientes terrestres e acuáticos onde exhiben unha alta versatilidade nutricional. As especies que habitan no solo son saprófitas, aínda que algunhas actinobacterias do solo (como Frankia) viven simbioticamente con algunhas plantas fixando nitróxeno.
Dentro das actinobacterias, o grupo maioritario no solo é o dos actinomicetos (Orde Actinomycetales). Son bacterias xeralmente aerobias (algúns membros do grupo son anaerobios) e caracterízanse por un patrón de crecemento filamentoso.
Os actinomicetos teñen dúas formas principais de reprodución: formación de esporas e fragmentación de hifas. Durante a reprodución, os actinomicetos poden formar conidióforos, esporanxiosporas e oidiosporas. Ao reproducírense mediante a fragmentación das hifas, as formadas por actinomicetos poden ser dun quinto á metade do tamaño das hifas dos fungos e ter longas cadeas de esporas.
Entre os xéneros de actinomicetos con maior presenza no solo cabe destacar Nocardia, Streptomyces (algunhas de cuxas especies producen antibióticos) e Micromonospora. Viven en solos con bo drenaxe e con valores de pH básicos (poden crecer incluso con valores de pH de até 10). Son tolerantes ao estrés hídrico, cun intervalo da orde de 0 a -70 MPa, polo que resisten condicións de seca moi pronunciada, incluso de deserto, o que en parte é debido á súa capacidade de sintetizar prolina intracelular, como parte da súa estratexia osmorreguladora.