Bacterias grampositivas incluídas no Filo Actinobacteria (Orde Actinomycetales).
Son organismos inmóbiles, de crecemento lento e non son resistentes aos ácidos. Maioritariamente aerobios, aínda que algúns poden ser microaerófilos, facultativos ou anaerobios obrigados. Son bacterias filamentosas ramificadas con morfoloxía pleomórfica (capacidade dalgúns microorganismos para alterar a súa morfoloxía en función das condicións ambientais).
Son especialmente abundantes nos solos, sobre todo naqueles con valores altos de pH, con estrés hídrico ou altas temperaturas. En relación coa reacción do solo, algúns actinomicetos son altamente tolerantes a condicións alcalinas, entre eles os do xénero Streptomyces, que poden crecer con valores de pH de 10. A súa tolerancia ao estrés hídrico débese á súa capacidade para sintetizar prolina intracelular como parte da súa estratexia osmorreguladora, o que lle proporciona unha vantaxe ecofisiolóxica en ambientes suxeitos a estreses hídricos regulares, se ben esta síntese supón un consumo de enerxía para o microorganismo; despois de períodos prolongados de estrés hídrico, especialmente en solos de latitudes subtropicais e tropicais, os actinomicetos a miúdo dominan totalmente a microbiota do solo.
Son saprófitos capaces de descompoñer unha gran variedade de substratos orgánicos, entre eles algúns dos polímeros máis recalcitrantes, tales como a quitina, celulosa e hemicelulosas, que son degradados especialmente en condicións de pH elevado. Os actinomicetos dos xéneros Streptomyces e Nocardia, por exemplo, interveñen na despolimerización da celulosa. Os Streptomyces son fortemente pectinolíticos.
Algunhas especies como Streptomyces coelicolor producen xeosmina, que é o maior contribuínte ao recendo característico do solo especialmente despois dunha choiva. Diversas especies son produtoras de antibióticos naturais, que no entorno do solo ofrécenlles vantaxe competitiva fronte a outros microorganismos cohabitantes.