Tecido vexetal parenquimático con grandes espazos intercelulares cheos de aire (tamén chamado parénquima aerífero). É un tecido propio de plantas acuáticas e de zonas anegadas (solos con condicións redutoras e anoxia temporais ou permanentes). Típico de anxiospermas, nas que forma un sistema continuo de condutos que vai desde as follas até a raíz e, ao transportar aire, contribúe ás dispoñibilidades de osíxeno para as raíces. O aire descende polo aerénquima do caule e o aerénquima das raíces adventicias que crecen a partir das ramas en dirección ao solo. Conseguintemente, o osíxeno difúndese un pouco na rizosfera, o que crea un ambiente oxidante ao redor das raíces, e a miúdo da lugar a unha pequena faixa óxica vermella; as raíces que crecen máis rapidamente (raíces novas) abastécense do osíxeno liberado. O ferro da faixa óxica non se debe unicamente á oxidación do ferro do solo, senón tamén a unha evacuación activa desde as células da raíz.
Constitúe unha adaptación anatómica das plantas ao hidromorfismo, o que fai posible que as raíces dalgunhas plantas poidan respirar nestas condicións, tales como o mangleiro (Rhizophora mangle L.), o arroz (Oryza sativa), o carrizo (Phragmites australis L.) ou a xunca de algodón (Eriophorum angustifolium) típica de turbeiras.