...

Proceso polo que as partículas individuais do solo (area, limo e arxila) únense e permanecen xuntas, xeralmente debido a forzas electrostáticas, de van der Waals e á capilaridade. A forza de agregación pode aumentar, principalmente nos horizontes da parte superior do solo (epipedón), por efecto de polímeros orgánicos derivados da descomposición da materia orgánica, exsudacións das raíces e da actividade microbiana. O proceso dá lugar á formación de unidades tridimensionais de nivel superior (agregados), cada unha das cales atópase separada das unidades adxacentes por planos de debilidade, creando un espazo poroso asociado. Deste proceso deriva a estrutura edáfica, que é característica dos solos e que difire claramente das estruturas litolóxicas herdadas do material orixinal e, por isto, máis ou menos residuais (xistosidade, estratificación, area granítica, entre outras).