Termo proposto na década dos anos 1930 nas publicacións de B. M. Bensin en Estados Unidos, aplicado a unha disciplina puramente científica, enfocada ao estudo da produción e protección de cultivos. Posteriormente adquiriu unha dimensión máis ampla, ambiental, social, económica, política e ética, con tres enfoques: 1) disciplina científica, orientada á parcela, finca, agrosistema e a todo o sistema alimentario no marco do desenvolvemento sostible; 2) tipo de xestión ou práctica agrícola (agricultura ecolóxica); 3) movemento social e político contrario á agricultura industrial. As tres acepcións do termo son vixentes con distinta intensidade segundo os países.
Cabe indicar como termos relacionados, aínda que non sinónimos, a ecoloxía agrícola, a ecoloxía agraria, a agricultura ecolóxica e a xeografía agrícola dos cultivos.