...

Fenómeno natural polo cal un organismo produce un ou máis compostos bioquímicos (aleloquímicos) que inflúen no crecemento, supervivencia ou reprodución doutros organismos. Estes aleloquímicos poden ter efectos beneficiosos (alelopatía positiva) ou prexudiciais (alelopatía negativa) nos organismos receptores.

Estúdanse as interaccións químicas planta – planta (alelopatías) e planta – organismo non planta (aleloquimias).

Como exemplos de efectos negativos cabe indicar: 1) a inhibición da xerminación de especies de sotobosque por parte da especie arbórea principal; por exemplo, citouse que a actividade alelopática do eucalipto (Eucalyptus globulus Labill.) e do piñeiro (Pinus pinaster Ait. e Pinus radiata D.) é causada pola liberación de terpenos volátiles que inhiben a xerminación doutras especies vexetais no sotobosque; 2) a inhibición exercida pola flora arvense sobre a xerminación ou o desenvolvemento das plantas hortícolas; 3) o efecto alelopático das raíces da amendoeira (Prunus dulcis (Mill.) D. A. Webb) sobre posteriores cultivos, polo que deben ser arrincadas totalmente antes de proceder a un cambio de cultivo, para evitar o efecto alelopático sobre o cultivo posterior.

Os axentes alelopáticos son compostos polifenólicos (tales como taninos, flavonoides e unha variedade doutros polifenois), cuxa actividade dependerá da súa mobilidade na fase líquida do solo, e compostos terpénicos. As plantas de climas húmidos son ricas en compostos fenólicos (hidrosolubles), mentres que as de clima seco son ricas en compostos terpénicos (volátiles e non solubles en auga).
Suponse que as baixas taxas de nitrificación en moitos solos forestais pode ser o resultado dunha inhibición alelopática da comunidade microbiana, aínda que é posible que interveñan outros factores. Por exemplo, taninos hidrolizables como os ácidos gálico, eláxico, trigálico, tetragálico e quebúlico están presentes en solos de bosques en concentracións suficientes para inhibir a nitrificación. En caso de que se producise unha inhibición alelopática da nitrificación, o nitróxeno permanecería como N-NH4 no solo e deste modo consérvase enerxía, xa que as plantas non poden tomar o N-NO3 sen gastar enerxía para reducilo a N-NH4; con isto diminúe o risco de perda de nitróxeno por percolación. O grao de inhibición varía dunhas especies de coníferas a outras, pode estar suxeita a flutuacións estacionais e depender do estadio de crecemento do bosque.