Organismo eucariota con metabolismo fotoautótrofo (conteñen clorofila), que capta o CO2 atmosférico e o transforma en carbono orgánico utilizando a enerxía procedente da luz do sol.
No solo a súa distribución queda limitada a aquelas zonas ás que chega a luz solar. A superficie e fisuras do solo e as superficies de rochas, alí onde haxa a humidade e a luz adecuada, son as zonas de maior actividade das algas. Así e todo atopáronse algas a profundidades ás que no chega a luz, trátase de variantes heterotróficas facultativas que poden utilizar a oxidación do carbono orgánico en lugar da luz como fonte de enerxía.
En solos ácidos predominan: 1) as algas verdes (Clorofíceas: Chlamydomonas, Chlorella, Pleurococcus); 2) as algas amarelo-verdosas (Xantofíceas: Heterococcus, Vaucheria). No caso de solos neutros ou básicos atópanse as diatomeas (Bacilarofíceas: Achnanthes, Navicula, Pinnalaria), cuxa parede celular está recuberta por una capa exterior silícea.
As algas son organismos que aportan materia orgánica aos solos e, en simbiose coas cianobacterias, son fixadoras de nitróxeno. Tamén poden formar unha asociación simbiótica cun fungo, para formar un lique, que pode colonizar as superficies das rochas e acelerar a súa meteorización (primeiros colonizadores) debido aos ácidos orgánicos que segregan; e as hifas filamentosas do fungo introdúcense polas fisuras da rocha e extraen auga e nutrientes.
Os principais atributos funcionais das comunidades de algas no solo inclúen a produción primaria, a fixación de dinitróxeno e a estabilización de agregados (producen polisacáridos extracelulares, polo que poden contribuír á agregación das partículas minerais e reforzar a súa cohesión). Ao morrer, aportan materia orgánica ao solo.
Coa tecnoloxía precisa, a biomasa das microalgas pode constituír a materia prima para a produción de hidróxeno como biocombustible.