Tolerancia ambiental dunha especie, normalmente medida a través da diferenza entre os valores máximos e mínimos dun ou varios parámetros ecolóxicos que a especie é capaz de soportar, sen menoscabo do seu desenvolvemento. Esquematicamente represéntase por unha curva en forma de campá.
Canto maior é a amplitude ecolóxica maior é a capacidade de propagación; en cambio, as especies cunha amplitude ecolóxica estreita a miúdo constitúen boas especies indicadoras.
Por exemplo, en función da cantidade de sal que pode tolerar unha planta, diferéncianse dous tipos de plantas: eurihalinas, que admiten un amplo intervalo de valores salinos (gran amplitude ecolóxica); e estenohalinas, que só sobreviven nuns intervalos estreitos de salinidade.