...

Ángulo, θ, que forma a interfase dun líquido en equilibrio cunha superficie sólida e unha fase gasosa no punto de contacto das tres fases.

No devandito punto, a resultante da tensión superficial sólido-líquido, da tensión superficial gas-sólido e da tensión superficial líquido-gas é nula (lei de Young): σsa – σsw – σwa cos θ = 0, sendo σ o coeficiente de tensión superficial sólido-aire (sa), sólido-auga (sw) e auga-aire (wa), respectivamente.

O ángulo de contacto sólido-líquido tende a ser agudo, (θ < 90°), se as forzas de adhesión entre o sólido e o líquido son maiores que as forzas de cohesión no líquido e maiores que as forzas de atracción entre o gas e o sólido. Neste caso o líquido molla ao sólido, como unha gota de auga pura sobre unha superficie inorgánica lisa e limpa. Un ángulo de contacto sólido-líquido próximo a cero indica que a superficie sólida ten unha preferencia case absoluta pola auga fronte ao aire, a humectabilidade é perfecta respecto ao líquido e a superficie denomínase hidrófila.
Cando as forzas adhesivas son menores que as de cohesión, aumenta o ángulo de contacto, (θ > 90°), o líquido non molla ao sólido e aumenta a repelencia do sólido respecto ao líquido (de maneira que un ángulo de contacto teórico de 180° indicaría unha repelencia total pola auga), a capacidade de mollarse é nula e a superficie denomínase hidrófoba. Para a arxila, o ángulo de contacto coa auga é de 0°, mentres que para a materia orgánica é de 180°. Se o líquido avanza, o ángulo de contacto na fronte de avance denomínase ángulo de molladura, mentres que, se o líquido retrocede, denomínase ángulo de retracción. O ángulo de contacto condiciona a velocidade de fluxo, polo que os seus distintos valores explican en parte a histérese capilar.