...

Organismo invertebrado que pertence ao Filo Arthropoda. É o filo do reino animal con maior número de especies, describíndose máis de un millón.

Os artrópodos clasifícanse en catro grandes subfilos: Chelicerata (que inclúe os arácnidos), Myriapoda, Crustacea e Hexapoda. Caracterízanse por ter un corpo segmentado (pero cun gran grao de fusión) cuberto por un exoesqueleto cuticular composto de quitina, con apéndices articulados (artellos) en cada segmento. O primeiro segmento do corpo denomínase acron, e o último telson. O tamaño corporal oscila entre 0,1 mm e 60 cm.

Dependendo do grupo, poden ser de hábitos diúrnos ou nocturnos, terrestres ou acuáticos. A súa alimentación é moi variada, poden ser herbívoros, omnívoros, depredadores ou necrófagos.

Presentan unha amplitude ecolóxica moi grande. Os seus efectos no solo son variados. Afectan ás propiedades físicas (mestura de materiais, estruturación, creación de porosidade); químicas (ao participar na descomposición da materia orgánica); e biolóxicas (ao regular a poboación doutros organismos do solo).