...

Conxunto de minerais da subclase dos filosilicatos. Os minerais arxilosos teñen unha grande influencia no comportamento do solo polo seu pequeno tamaño (uns poucos micrómetros), a súa elevada superficie específica e a súa carga eléctrica superficial. Identifícanse principalmente utilizando análise por difracción de raios X e pódense observar con microscopio electrónico de transmisión. A súa estrutura é laminar cunha capa tetraédrica (T), formada por unións Si=O que constitúen un poliedro de coordinación (SiO44−), constitúe a estrutura básica, se ben nunca se presenta illada (átomos de outros elementos poden substituír ás veces ao Si na estrutura). Tamén entran a formar parte de esta estrutura laminar unha ou dúas capas octaédricas (O), formadas por unións de aluminio con osíxeno ou hidroxilos que orixinan un poliedro de coordinación (Al2(OH)6), que se pode encontrar illado cunha estrutura similar á da gibbsita (Al(OH)3) que forma unha capa dioctaédrica ou á da brucita (Mg(OH)2) que forma unha capa trioctaédrica. A unión de capas tetraédricas e octaédricas dá lugar a diferentes minerais de arxila. Unha capa tetraédrica unida a unha capa dioctaédrica dá lugar a minerais 1:1 ou T-O (grupo do caolín); a unión dunha capa tetraédrica a ambos lados dunha capa octaédrica forma minerais 2:1 ou T-O-T (micas, vermiculitas e esmectitas), mentres que a existencia dunha capa octaédrica entre dúas láminas T-O-T dá lugar a arxilas 2:1:1 ou TOTO (cloritas). As arxilas interestratificadas están formadas por láminas mixtas dos tipos anteriores. Tamén se inclúen dentro dos minerais da arxila os que teñen una estrutura fibrosa (paligorskita e sepiolita). As propiedades dos minerais da arxila dependen en boa medida da súa estrutura, como por exemplo o espazado interlaminar, a expansibilidade, a absorción de auga, a capacidade de intercambio catiónico e os efectos térmicos.