Compoñente ou reactivo químico que contribúe á separación das partículas que integran un sistema coloidal, como p. e. un sistema solo-auga. O principal compoñente dispersante no solo é o Na+, que fai que predominen as forzas de repulsión mutua entre as partículas coloidais (aumenta o espesor das dobres capas, co que as forzas de unión de tipo Van der Waals non son efectivas e as dobres capas se separan). Isto favorece a desagregación dos dominios de arxila e, en consecuencia, a destrución dos microagregados. Ao incorporar ao solo Na+, coa auga de rega, p. e., este catión irá substituíndo ao Ca2+ nas dobres capas que aumentarán de espesor e se separarán entre elas. As partículas de arxila se individualizan e a estrutura do solo perde estabilidade. De igual xeito, nas análises granulométricas, para lograr a dispersión da suspensión solo-auga, adoitase engadir como axente dispersante hexametafosfato de sodio (NaPO3)6, co que se consigue unha suspensión coloidal estable. Este axente dispersante aporta Na+ e ións fosfato. O anión fosfato únese ao calcio liberado das dobres capas, o que favorece a acción dispersante do sodio. O hexametafosfato sódico non se pode utilizar como axente dispersante en solos con predominio de cargas variables debidas a aluminosilicatos de baixo orde ou a óxidos de ferro e aluminio xa que poden ter o seu punto de carga cero ao pH que se consegue con este dispersante.