...

Microorganismo que pertence ao Dominio Bacteria (un dos tres dominios nos que se clasifican os organismos vivos) e inclúe a tódalas bacterias (eubacterias) e as cianobacterias (anteriormente denominadas algas verdeazuladas). Son microorganismos procariotas unicelulares e por tanto carentes de núcleo definido, o ADN atópase disperso no citoplasma. A frecuente presenza de parede de peptidoglicano xunto coa súa composición en lípidos de membrana son a principal diferenza que presentan fronte ás arqueas. Presentan diversas morfoloxías: esférica (cocos), bastonciños (bacilos) e helicoidal (vibrios, espirilos e espiroquetas).

Habitan tódolos ecosistemas da Terra e algunhas especies soportan condicións ambientais moi extremas. No solo participan na descomposición da materia orgánica e algunhas delas son esenciais nos ciclos bioxeoquímicos, en particular do nitróxeno, do xofre e do ferro. Ademais, son unha fonte de alimento para outros organismos (nematodos, ácaros, entre outros).

Segundo a fonte de carbono pódense clasificar en: heterótrofas e autótrofas (p. ex., cianobacterias); segundo a fonte de enerxía, en: fotótrofas e quimiótrofas; e segundo os doantes de electróns en: litótrofas e organótrofas.

Desde o punto de vista agronómico adoítanse clasificar por grupos funcionais: amonificantes, nitrificantes, fixadoras de nitróxeno, celulolíticas, e pectinolíticas.