...

1 Proceso fisiolóxico polo cal os seres vivos producen minerais, a miúdo para endurecer os tecidos existentes a partir de elementos presentes no medio (materia orgánica do solo ou ben contaminantes na agua ou no solo). O grupo de organismos máis importante capaz de inducir procesos de mineralización son os animais, seguido das bacterias, plantas vasculares e, finalmente, fungos e protozoos.

2 Técnica de descontaminación de sitios contaminados baseada na capacidade de determinados organismos (cianobacterias, bacterias, microalgas e fungos) para producir minerais a partir de metais pesados e radionucléidos contidos nunha fase líquida.

Xa que os metais non se poden biodegradar, a descontaminación consiste neste caso en inmobilizar o elemento contaminante coa formación de biominerais (óxidos, fosfatos, sulfuros e oxalatos). A incorporación do metal contaminante a unha rede cristalina supón a remoción da fase líquida do solo ou da agua, o que diminúe a súa biodispoñibilidade e toxicidade.

Por exemplo, os fungos depositan minerais coa axuda dunha matriz orgánica, como unha proteína, que proporciona un sitio de nucleación para o crecemento de biominerais.