Tapiz ou tapete microbiano que constitúe un ecosistema microbiano organizado, conformado por unha ou varias especies de microorganismos asociados a unha superficie viva ou inerte (dunha raíz, de materia orgánica, dun agregado, dunha partícula mineral ou outra), con características funcionais e estruturas complexas. Pode conter aproximadamente un 15 % de células e un 85 % de matriz extracelular.
Os biofilmes microbianos beneficiosos están implicados nos ciclos bioxeoquímicos; descompoñen a materia orgánica do solo, da que obteñen nutrientes para a súa propia constitución e para a doutros organismos.
Os biofilmes tamén se poden utilizar para o tratamento de augas residuais e en pilas de combustible microbianas, para xerar electricidade a partir dunha variedade de materiais de partida, incluídos refugallos orgánicos complexos e biomasa renovable. Os biofilmes son tamén relevantes para a mellora da disolución de metais na industria da biolixiviación.