Conxunto de técnicas de remediación ambiental nas que se estimula o crecemento de organismos (ou os encimas derivados deles) presentes de forma natural no medio ou ben inoculados de forma intencionada (incluso mellorados xeneticamente), para degradar contaminantes, inmobilizalos no solo, ou ben extraelos (absorbelos e acumulalos) e deste modo destoxificar o solo. Adoita ser necesario agregar nutrientes, vitaminas, minerais e amortecedores de pH para optimizar as condicións de crecemento dos microorganismos.
Segundo o organismo involucrado na neutralización das substancias tóxicas, o proceso denomínase: 1) biorremediación microbiana (bioestimulación e bioaumentación); 2) fitorremediación; 3) micorremediación; 4) biorremediación animal.
As técnicas de biorremediación poden ser eficientes na eliminación dunha ampla variedade de contaminantes e pouco agresivas co solo. Así e todo, a súa acción adoita ser lenta e poden existir dificultades na aplicación, dependendo do tipo de solo, o contaminante e as condicións climáticas, que determinan a viabilidade dos organismos que poden ser utilizados.