...

Bryophyta sensu stricto (musgos, mofos) son plantas terrestres non vasculares (carecen de tecidos vasculares, xilema e floema) con metabolismo fotoautótrofo: Carecen de raíces, caules, e follas verdadeiras, pero en cambio, o seu corpo vexetativo componse de rizoide, caulidios e filidios, análogos á raíz, caule e follas das plantas vasculares. Producen estruturas reprodutivas pechadas (gametanxio e esporanxio), pero non producen flores nin sementes; reprodúcense por esporas.

Presentan adaptacións especiais que lles permiten sobrevivir temperaturas e valores de pH extremos. Ao non ter raíces, obteñen a auga e os nutrientes absorbéndoos do ambiente polas zonas onde se realiza a fotosíntese. Esta é a causa pola que viven en ambientes húmidos. Colonizan superficies rochosas (como primeiros colonizadores), onde contribúen á meteorización da rocha (meteorización biolóxica); en ambientes secos dispóñense en céspedes ou almofadas apertadas, e poden resistir períodos de seca prolongados, de meses e incluso anos, e aproveitan para crecer e reproducirse nas épocas máis húmidas; en bosques húmidos forman masas afeltradas estendidas; nas zonas tropicais poden vivir nas cascas das árbores e arbustos; en solos moi húmidos como os tremedais poden vivir nun substrato exclusivamente orgánico con saturación de auga e son formadores de turba (turba de musgos, Sphagnum).

Poden actuar como indicador ambiental porque responden rapidamente aos cambios nas condicións ambientais: contaminación do solo (como a presenza de metais pesados), a contaminación do aire e a radiación UV-B. A Universidad Justus Liebig (Giessen, Alemaña) desenvolveu unha ferramenta informática denominada bryomonitor baseada no uso de briófitas para a monitorización da alteración e rexeneración de bosques neotropicais húmidos até unha altura de 2.000 m (dispoñible en http://drehwald.info/bryomes2.htm).