Compoñente dos solos calcarios que constitúe a fracción de carbonato de calcio (CaCO3) de diámetro aparente inferior a 50 μm. Polo seu tamaño, ten unha elevada reactividade e disólvese fácilmente na auga do solo que contén dióxido de carbono (CO2) disolto. Dende o punto de vista da análise química, corresponde á fracción fina de CaCO3 que reacciona cunha disolución de oxalato de amonio (NH4)2C2O4 despois de certo tempo de axitación (nesta reacción baséanse os métodos de análise de Drouineau, do calcimétrico Drouineau-Galet ou de Nijelsohn). A calcaria activa provoca deficiencias de ferro como nutriente por efecto do anión hidroxenocarbonato (HCO3−) ao que da orixe ao disolverse na auga do solo, que bloquea a absorción do ferro. Un contido elevado de calcaria activa é indicativo dun risco nutricional elevado para as plantas debido a posibles deficiencias de ferro, fósforo e outros micronutrientes. Con valores de calcaria activa superiores a un 10 %, os melocotoeiros, maceiras, pereiras e albaricoqueiros presentan problemas de absorción de nutrientes, polo que se debe recorrer a portaenxertos tolerantes.