Contido de auga do solo, porcentaxe en masa ou en volume, despois de humedecer o solo ata a saturación tras unha choiva ou unha rega abundante en solos permeables, de textura e estrutura uniformes e despois de esperar o tempo suficiente para que o excedente de auga se drene de maneira que a drenaxe libre sexa practicamente nula, o que sucede ao cabo de dous ou tres días. Trátase en certa medida do contido máximo de auga, θmax, medido en campo, que pode reter un solo cando a maior parte da macroporosidade está chea de aire, xa que os poros finos contribúen pouco ao movemento da auga en réxime non saturado. De acordo con este modelo conceptual, trataríase do límite superior do contido de auga do solo dispoñible para as plantas. En realidade non se trata dun valor de equilibrio constante, senón dun punto na curva de drenaxe (punto de ruptura máis ou menos marcado segundo as características do solo), a partir do cal a drenaxe faise moi lenta, o que depende de moitos factores. Así, os solos areosos teñen valores de capacidade de campo definidos e reproducibles, o que non ocorre con solos de texturas máis finas. O seu valor vese tamén influenciado pola existencia de cambios de textura no perfil do solo. Na actualidade considérase que este concepto constitúe unha simplificación arbitraria e un intento bastante simplista para caracterizar un proceso dinámico en termos dun parámetro estático sinxelo, e que non pode considerarse unha propiedade física real, característica de cada solo. Pola súa simplicidade, a pesar de carecer dunha base física universal, o seu uso xeneralizouse na xestión da rega. Para este tipo de estudos, e dada a dificultade de medilo no campo, o seu valor adóitase aproximar a partir do contido de auga a un potencial matricial de -33 kPa, determinado cun equipo de placas de presión.