...

Magnitude que expresa a facilidade coa que a calor, un soluto ou un fluído se moven nun medio determinado como resultado dun gradiente de concentración ou de presión parcial. É a constante de proporcionalidade da ecuación de Fick, cuxa ecuación de dimensións é [L2T-1].

No caso da nutrición vexetal, a absorción de nutrientes pola raíz produce un empobrecemento localizado e, en consecuencia, unha menor concentración arredor da raíz. O gradiente de concentración creado entre o solo e a raíz fai que a diferenza de concentracións tenda a compensarse polo movemento por difusión de ións desde outras zonas próximas do solo cara á raíz. O transporte de ións por difusión depende do contido de humidade, do gradiente de concentración, do coeficiente de difusión do nutriente, da tortuosidade das vías de fluxo e da interacción ión-superficie do complexo adsorbente. Os coeficientes de difusión teñen valores de 10−6 cm2 s−1 para o NO3, 10−7 para o K+ e 10−8 para o H2PO4.

No caso dunha cuña de auga de mar nunha zona costeira (intrusión mariña), a auga doce procedente de terra dentro, ao ser menos densa que a do mar, fluirá sobre esta e en consecuencia producirase unha difusión de ións salinos do corpo de auga máis salino ao que é menos salino, co que empeora a calidade destas augas. No caso de difusión de gases, cabe citar a difusión de osíxeno (O2) desde a atmosfera ao interior dos poros do solo, ou do dióxido de carbono (CO2) desde o solo á atmosfera.