Equipo de laboratorio que permite equilibrar o contido de auga, θ, dunha mostra de solo cun valor de succión matricial determinado (potencial matricial, ψm), na gama baixa (en valor absoluto, xa que é negativo) de potenciais matriciais, de 0 a 100 kPa, se o aire na mostra de solo se mantén a presión atmosférica. Os datos sucesivamente obtidos (θ, ψm) permiten construír a curva característica de humidade en desorción, ψm = f(θ) (o proceso presenta histérese). O equipo consta dun embude cilíndrico cun disco de cerámica porosa (placa de succión), sobre o que se coloca a mostra inalterada, saturada de auga. A saída do embude está conectada cunha columna de auga que permite axustar a saída de auga á succión desexada. Tras equilibrarse a humidade á succión aplicada, o contido de humidade determínase por secado da mostra en estufa.