Interacción biolóxica entre individuos ou especies para conseguir un mesmo recurso (alimento, auga, luz, espazo vital, entre outros), que está en cantidade limitada e, por tanto, non pode ser compartido.
Como resultado da competencia, o éxito biolóxico dos individuos que interactúan pode verse reducido. De aí xurde o principio de exclusión competitiva, que sostén que dúas especies con requisitos ecolóxicos idénticos non poden coexistir de maneira estable nun mesmo espazo, a especie máis eficiente na obtención do uso do recurso limitante acabará excluíndo á outra.
En función da relación taxonómica, a interacción pode ocorrer entre individuos da mesma especie (competencia intraespecífica); ou de especies diferentes (competencia interespecífica). Os mecanismos implicados poden ser: 1) directos: de interferencia, que impiden o acceso ao recurso mediante violencia ou agresión; 2) indirectos: explotación, con utilización do mesmo recurso limitante; aparente, dúas presas son consumidas polo mesmo depredador, os cambios poboacionais nunha delas poden facer que o depredador cambie o consumo preferente por unha delas, polo menos temporalmente.
A competencia tamén se pode categorizar en función da súa asimetría en: 1) simétrica, se as dúas especies se ven afectadas do mesmo modo cun reparto equitativo do recurso e as dúas son capaces de explotar a mesma cantidade de recurso; 2) asimétrica, na que o reparto do recurso é desigual: a especie de maior tamaño explota unha maior cantidade de recurso, ou unha especie é máis eficiente que a outra en obter o recurso.
No sistema edáfico a competencia non é un dos factores principais que estruturan as comunidades, xa que mostran unha diversidade funcional enorme e xogan un papel máis importante as relacións predador-presa. Así e todo, alteracións ambientais, tanto abióticas (por exemplo, a incorporación ao solo dalgunha emenda orgánica); ou biótica (por cambio na cobertura vexetal ou na calidade nutritiva do material vexetal), poden provocar que os microorganismos compitan por determinados nutrientes.