Representación gráfica dos efectivos, das frecuencias ou porcentaxes acumulados nun sistema de eixes de coordenadas ortogonais graduadas con escalas lineais ou logarítmicas. Nas ordenadas represéntanse os efectivos ou as frecuencias acumuladas e, nas abscisas, o valor da variable que se estuda. Cada punto se obtén situando no eixe de abscisas o extremo superior do intervalo correspondente á primeira clase, c1, e situando nas ordenadas a frecuencia correspondente á devandita clase, f1, que definen o punto (c1, f1). Continúase situando en abscisas o extremo superior do intervalo correspondente á seguinte clase e, nas ordenadas, a suma de frecuencias f1 e f2; e así sucesivamente. Unindo con segmentos de recta cada un dos puntos así definidos, obtense a representación gráfica da curva acumulativa. Este tipo de curvas utilízanse, p. ex., para representar os resultados das análises granulométricas, o que permite estimar intervalos de frecuencias que non se analizaron. Neste caso, dada a magnitude da amplitude de cada clase de tamaños (arxila 2 μm, limo 50 μm e area 2000 μm), trabállase cun diagrama cuxo eixe de abscisas ten unha escala logarítmica, mentres que o de ordenadas é decimal (diagrama semilogarítmico).