...

Proceso físico-químico polo cal se produce a separación das partículas nun sistema coloidal floculado debido a axentes dispersantes específicos. O principal axente dispersante no solo é o Na+, que pode ser aportado por unha auga de rega de mala calidade. Os seus posibles efectos avalíanse a partir da porcentaxe de sodio intercambiable (PSI; símbolo da magnitude, ESP, ‘exchangeable sodium percentage’). O valor límite establecido para o PSI é do 15 % para determinar cando se trata dun solo sódico. Por enriba deste valor trátase de solos sódicos. Ao aumentar o Na+ na fase líquida, substitúe ao Ca2+ que ocupa sedes de intercambio nas superficies exteriores dos dominios de arxila, o que dá lugar a que se dispersen entre eles, se ben non chegan a colapsar e poden ser translocados en suspensión pola auga do solo. A medida que aumenta o PSI, o Na+ vai desprazando o Ca2+ que se atopa entre as láminas dos minerais de arxila que constitúen os dominios, o que fai que estes cheguen a colapsar ao separarse as láminas de arxila, e o sistema permanece disperso. Por conseguinte, a dispersión provoca a inestabilidade da estrutura do solo. Este mesmo proceso é o que acontece nunha suspensión solo-auga nunha análise granulométrica, ao engadir un axente dispersante que conteña Na+, como p. ex., o hexametafosfato sódico, de fórmula (NaPO3)6.