Organización das partículas individuais do solo (arxila, limo, area e, nos horizontes superficiais, materia orgánica) en unidades compostas ou agregados, e o espazo poroso asociado que deixan entre elas. É o resultado de procesos edafoxenéticos de agregación que dependen de múltiples factores, entre eles: textura; actividade biolóxica, substancias orgánicas derivadas de exsudados das raíces e da actividade microbiana (contido e tipo de materia orgánica), das hifas dos fungos e as raíces; composición do complexo de cambio; fase líquida do solo (contido de humidade e composición); procesos de humectación-desecado; sistema de labra e de cultivo, polo que é unha característica física moi dinámica, complexa e difícil de xestionar e que condiciona o comportamento físico do solo.
Non existe un método obxectivo ou de aplicación universal para medir a estrutura do solo, polo que é un concepto cualitativo máis que unha propiedade cuantificable. Recoñécense dúas categorías xerais: apedial (en grans simples, maciza ou sen estrutura) e pedial (con agregados). A estrutura máis favorable para o crecemento das plantas é a pedial, xa que se trata dunha organización en unidades estruturais ou agregados, separados uns dos outros por planos de debilidade, que definen un espazo de ocos conectados, o que favorece a aireación, o movemento da auga e a vida no solo. Descríbese para cada horizonte, atendendo a: grao de agregación, grao de desenvolvemento ou de separación (pedialidade), forma e tamaño dos agregados, natureza do espazo poroso e estabilidade dos agregados.