...

Fluído de compostos solubles liberado polas raíces das plantas ao solo circundante (rizodeposición). Está integrado por auga, hidratos de carbono, ácidos orgánicos, aminoácidos, factores de crecemento e hormonas, aínda que a súa composición depende da natureza da planta, do seu estadío de desenvolvemento e das condicións do medio. A maior parte da liberación de exsudados ten lugar na punta da raíz.

As principais funcións destes exsudados radiculares son: 1) proporcionar unha fonte de carbono lábil para os microorganismos heterótrofos; 2) servir como sinais que indican a simbiose con rizobios e fungos micorrícicos; 3) estimular a produción de encimas polos microorganismos; 4) as encimas hidrolases, como fosfatases ácidas ou alcalinas, sulfatases ou proteases presentes nos exsudados, son as responsables da mobilización do fósforo, xofre e nitróxeno orgánicos; 5) as fitoanticipinas e as fitoalexinas, compoñentes de baixo peso molecular dos exsudados, actúan de barreira química contra ataques de bacterias, insectos, nematodos e fungos; 6) algúns compoñentes dos exsudados poden ter efectos alelopáticos sobre a propia planta ou sobre outras.

As raíces das plantas producen menos exsudados nos solos con valores de pH baixos, polo que en solos ácidos libéranse menos substratos lábiles para a súa asimilación polos microorganismos.