Gases que ocupan o espazo poroso do solo, principalmente N2, O2, vapor de auga e CO2 con trazas doutros gases. A composición varía segundo as condicións que prevalezan. En solos ben aireados, a composición do aire do solo é moi similar á do aire da atmosfera en contacto co solo, se ben a concentración de CO2 é maior e a humidade relativa máis alta, case ata chegar á saturación. A fracción de volume de N2 é de arredor dun 0,8 e a suma de O2 e CO2 dun 0,2. Os solos mal aireados adoitan conter unha concentración de CO2 máis elevada e un menor contido de O2 que a atmosfera circundante. En ausencia de aireación en solos saturados de auga teñen lugar procesos de redución con produción de metano, ácido sulfhídrico e óxido nitroso segundo o grao de anoxia.