...

Proceso edafoxénico complexo de destrución das arxilas, con liberación e acumulación de sílice e de aluminización dos minerais da arxila en horizontes subsuperficiais por efecto de condicións alternantes de oxidación e redución do ferro en medio ácido, en solos hidromorfos que se inundan de xeito estacional debido ás choivas. Na época húmida, o Fe3+ pasa a Fe2+ que pode ser translocado (desferrificación), coa conseguinte aparición de zonas descoloradas, frecuentemente en forma de linguas. Cando chega a época seca, e descende o nivel da capa freática, o Fe2+ restante pasa a Fe3+ que, ao hidrolizarse, se transforma en Fe(OH)3 e xera H+ que acidifican o medio e desprazan catións das sedes de intercambio. As arxilas-H resultantes son inestables e destrúense ao colapsar a súa rede cristalina, co que se libera Al3+ e sílice. A repetición alternada de condicións redutoras e oxidantes fai que a degradación do solo prosiga, co que a estrutura se volve moi inestable e a acidificación aumenta, ao tempo que a capacidade de intercambio catiónico (CIC) e a porcentaxe de saturación de catións básicos da fracción arxila diminúen progresivamente.