...

Compoñente da fertilidade do solo que deriva das características físicas (profundidade efectiva, textura, estrutura, estabilidade dos agregados, volume, distribución e interconexión dos poros, aireación, repelencia á auga, densidade aparente, cotra superficial, sola de labor e condutividade hidráulica, entre outras) e que condicionan a calidade do solo.

Avalíase observando o perfil do solo por medio dunha cata e cun conxunto de ensaios, xeralmente de campo. Condiciona o volume de solo explorable polas raíces, o xermolado das plántulas, o crecemento das raíces, a frutificación (trevo subterráneo, p. ex.), a capacidade de almacenaxe de auga dispoñible para as plantas (CRAD), o movemento da auga no solo e o hábitat para os organismos do solo, entre outros aspectos. Nela teñen unha grande importancia non só as características derivadas da formación do solo, senón tamén o sistema de manexo do solo, en especial, a xestión da materia orgánica, xa que intervén na formación dos micro e macroagregados que constitúen a estrutura do solo.