Técnica de fitorremediación baseada na absorción de metais contaminantes polas raíces das plantas e a súa acumulación nos tecidos de caules e follas (plantas hiperacumuladoras). Pódese aplicar tanto en solos como en augas.
O contaminante débese atopar nunha forma biodispoñible e, no caso das plantas, requírese que: 1) sexan tolerantes a concentracións altas de metais no solo; 3) trasladen o contaminante á parte aérea; 4) teñan un factor de acumulación alto; 5) posúan taxas de crecemento e de produción de biomasa altas (da orde de 3 Mg ha-1 e ano-1).
Pode estar orientada a: 1) eliminación de contaminantes tales como chumbo, arsénico, cromo, mercurio e radionucleidos; ou ben, 2) extracción e recuperación de metais que teñen un valor económico, tales como o níquel e o cobre.
Pódense utilizar: 1) plantas herbáceas, que se segan e levan ao vertedoiro, ou se incineran e se recuperan os metais de interese económico extraídos (fitominería), podéndose sementar ilimitadamente até que se consiga alcanzar concentracións que non resulten tóxicas; ou, 2) árbores que, aínda que absorben niveis máis baixos de contaminantes, a súa alta taxa de crecemento e produción de biomasa lles permite extraer unha cantidade considerable de contaminantes do solo.
En Chernobyl (Ucrania) utilizouse o xirasol (Helianthus annuus L.) para eliminar contaminantes radioactivos de augas subterráneas.
Posto que as especies espontáneas teñen un potencial de extracción baixo, pódese mellorar significativamente mediante enxeñería xenética, modificando o xenoma nuclear e citoplasmático.