Forzas intermoleculares de atracción, relativamente débiles, comparadas con outros enlaces químicos. Polo feito de ser aditivas entre pares de átomos, son efectivas a distancias moi cortas, o cal é importante cando o solo se seca. Hainas de diferentes tipos: 1) forzas de orientación ou forzas de Keeson (dipolo-dipolo), só se dan entre moléculas polares e son proporcionais aos valores dos momentos dipolares das moléculas. Trátase de atraccións electrostáticas que se producen entre a zona cargada negativamente dunha molécula e a cargada positivamente doutra. 2) Forzas de dispersión ou forzas de London, moi débiles, aínda que aumentan co número de electróns da molécula. Dado que os electróns están en movemento, en calquera instante pode haber un desequilibrio na distribución electrónica do átomo, e, polo tanto, pódese autopolarizar de xeito momentáneo. Ese átomo polarizado induce un momento dipolar nos átomos veciños, que á súa vez crea o mesmo efecto nos átomos veciños, de modo que o efecto se vai propagando por toda a substancia. 3) Forzas de indución (dipolo - dipolo inducido), onde unha molécula polar induce un dipolo noutra molécula non polar e orixina a atracción electrostática. 4) Forzas ión-dipolo, polas cales un ión se vai rodeando das moléculas polares e 5) Forzas ión - dipolo inducido, polas cales o dipolo é previamente inducido polo campo electrostático do ión.