Grupo de partículas elementais que integran a terra fina do solo (ɸ < 2 mm), agrupadas nun intervalo de tamaños segundo o seu diámetro aparente. Establecéronse tres fraccións: arxila, limo e area. Non existe un acordo internacional nos valores dos límites entre esas fraccións, polo que debe indicarse en cada caso. O sistema máis xeneralizado é o USDA (< 2, 2-50, 50-2000 μm). A fracción limo subdivídese en limo fino (2-20 μm) e limo groso (20-50 μm) e a fracción area en area moi fina (50-100); area fina (100-250); area media (250-500); area grosa (500-1000); e area moi grosa (1000-2000 μm).
A FAO (2006) adoptou o criterio alemán e cambiou o límite superior da fracción limo de 50 a 63 μm. A porcentaxe de cada fracción establécese por medio dunha análise granulométrica, baseada na lei de Stokes, para a determinación da porcentaxe de arxila e de limo e no cribado para a porcentaxe de area.