...

Categoría á que pertence a estrutura dun horizonte dun solo atendendo á adhesión e a cohesión das partículas dentro dos agregados e entre os agregados. Establecéronse as seguintes categorías: 1) sen estrutura, ao non existir liñas preferentes de rotura, cando se intenta romper unha mostra coas dúas mans esta rompe segundo se aplique a forza. Pódese tratar de: i) grans soltos sen coherencia entre eles (estrutura granular simple); ou ben ii) dunha masa coherente (estrutura compacta ou maciza); e 2) con estrutura, cando existen planos de debilidade na matriz do solo que delimitan agregados (bloques nos que as partículas que os compoñen están unidas de maneira máis estable que nos planos de debilidade). Dentro deste grupo distínguense os graos de estruturación seguintes: 2.1.) débil (agregados pobremente formados, indistintos, pouco evidentes); 2.2.) moderado (agregados diferenciados, ben formados, moderadamente duradeiros e evidentes, pero non separados); e 2.3.) forte (agregados duradeiros, facilmente distinguibles, debilmente adherentes uns a outros e facilmente separables ao actuar sobre o solo). Obsérvase mellor algúns días despois de abrir a cata, unha vez que esta secou.