...

Densímetro utilizado para levar a cabo determinacións granulométricas en mostras de solo. Consta dun bulbo de inmersión de vidro, suxeito no extremo dunha varela metálica, unha cadea e a escala de lecturas. O método do hidrómetro de cadea permite determinar o contido coloidal dos solos a partir de medicións da variación da densidade dunha suspensión dunha mostra de solo en auga, en función do tempo. A densidade da suspensión diminúe co tempo, a medida que as partículas de maior tamaño van sedimentando.

A partir do cálculo da densidade da suspensión en cada momento, é posible calcular a porcentaxe de partículas en suspensión naquel momento. Coñecendo a relación entre o tamaño das partículas e a súa velocidade de sedimentación, pódese establecer unha relación entre a densidade da suspensión e a masa das partículas dun tamaño determinado presentes na cantidade de mostra de solo. É un método rápido, xa que non require pipetaxes, pero os resultados non son suficientemente fiables, nin reproducibles, xa que se basean en lecturas medias da densidade da suspensión. Aínda que se utilizou con fins agrícolas, os laboratorios actuais non o utilizan.