...

Estrutura filamentosa longa e ramificada dun fungo, oomiceto ou actinobacteria. Na maioría dos fungos, as hifas son o modo principal de crecemento vexetativo e denomínanse colectivamente micelio. Unha hifa consta dunha ou máis células alongadas recubertas por unha parede celular delgada e ríxida de quitina e glicanos.

Na maioría dos fungos as hifas poden estar divididas por tabiques (septos) que separan as células individuais (hifa septada) ou carecer deles (hifa aseptada, non septada ou cenocítica). Os septos adoitan estar perforados por poros o bastante grandes como para que os ribosomas, as mitocondrias e, ás veces, os núcleos poidan fluír entre as células.