Propiedade que confire aos sistemas biolóxicos a capacidade de autorregulación para manter un estado interno estable que asegure a súa supervivencia fronte ás modificacións do medio exterior. A estabilidade alcanzada é en realidade un equilibrio dinámico, no que se producen cambios continuos, aínda que prevalecen condicións relativamente uniformes.
A homeostase hídrica asegura á planta un contido de auga constante, para iso conta con acuaporinas, que son proteínas das canles de auga das membranas vacuolar e plasmática. Cando se abren, facilitan o movemento pasivo das moléculas de auga por un gradiente de potencial hídrico.
A homeostase iónica permite á planta o mantemento da presión osmótica interna cando se ve sometida a un estrés salino, momento a partir do cal as células acumulan solutos en vacúolos para equilibrar a presión osmótica.