Os térmites están presentes en tódolos continentes, pero as maiores abundancias danse nos ecosistemas tropicais, aínda que tamén en rexións subtropicais, semiáridas ou áridas (rexións de deserto); en medios forestais, sabanas e estepas.
A súa importancia ecolóxica reside en que: 1) se alimentan xeralmente de madeira morta e de residuos orgánicos do solo; e son capaces de dixerir compostos lignocelulósicos e celulósicos con axuda de protozoos e bacterias que habitan en simbiose no seu tubo dixestivo e que contribúen a dixerir a lignina e a celulosa, ou ben por asociación simbiótica con fungos basidiomicetos do xénero Termitomyces, que os térmites cultivan dentro do termiteiro (xardíns de fungos); 2) a degradación da celulosa supón emisións de metano, CH4, así e todo algúns estudos mostran que, antes da súa emisión á atmosfera, nos montículos oxídase a metade do metano producido polos térmites. Este mecanismo de biofiltro oculto está mediado por bacterias metanotróficas que viven nas paredes do montículo ou no solo de debaixo; 3) crean túneles e galerías e, por tanto, removen gran cantidade de terra (bioturbación), o que afecta a hidroloxía e á mobilización de nutrientes no solo.