Infiltrómetro que permite medir a infiltración de auga no solo en condicións inferiores á presión atmosférica. Consiste nun disco intercambiable de cerámica porosa cuxa base está cuberta por unha fina membrana semipermeable suxeita cunha abrazadeira, un depósito de alimentación de auga en posición vertical e unha escala graduada que permite ler os volumes de auga infiltrados en función do tempo. Pola súa base atópase conectado co disco e polo outro extremo ten un peche hermético e un frasco de Mariotte conectado co disco e cunha entrada móbil de aire que se usa para axustar o potencial da auga na base da membrana de nailon. Ao colocar o disco cun bo contacto co solo (p. ex. colocando unha fina capa de area), este empezará a succionar auga ao déficit de presión (succión) determinada pola diferenza de altura entre os dous tubos do frasco de Mariotte, que se infiltrará. A medida que o nivel da auga descende, rexístrase o volume de auga infiltrada a intervalos de tempo determinados. Se se realizan dous ensaios a distintos déficits de presión coñecidos, e se coñece o contido de auga do solo previo ao inicio do ensaio, é posible determinar unha serie de variables hidrolóxicas do solo, como a infiltración, a condutividade hidráulica en función do contido de auga do solo e a sortividade; así como estimar a distribución de tamaños equivalentes de poros. Consome pouca auga e resulta cómodo de instalar, aínda que nalgúns solos e a algunhas presións o ensaio pode requirir moito tempo.