...

Lei que describe a densidade de fluxo en estado estacionario a través do solo ou outro medio poroso saturado de auga. Para un fluxo unidimensional exprésase como q = – Ks× I×A, onde q é o fluxo de auga, que é directamente proporcional ao gradiente de potencial hidráulico, I = DH /L, que é a forza impulsora que provoca o fluxo, e á sección transversal, A, de fluxo. Ks é o coeficiente de proporcionalidade, que se denomina condutividade hidráulica saturada e a súa ecuación de dimensións é [LT-1], que corresponde a unha velocidade. O signo menos indica que o fluxo ten lugar no sentido dos potenciais decrecentes (de onde hai máis auga a onde hai menos).

Esta ecuación, que é unha simplificación, asume as seguintes premisas: 1) a matriz é sólida, homoxénea, isótropa e estable; 2) o fluído é homoxéneo, isotermo e incompresible; 3) a enerxía cinética do fluído é desprezable; 4) o réxime de fluxo é permanente; e 5) o fluxo é laminar. Estas condicións cúmprense na maioría dos solos nos que a velocidade do fluxo de auga é baixa, as partículas son granulares, relativamente esféricas, de tamaño uniforme e de superficies lisas. Prodúcense desviacións da lei de Darcy con gradientes hidráulicos baixos e poros estreitos. En solos arxilosos o fluxo non está relacionado linealmente co gradiente. A precisión que se obtén ao aplicar a lei de Darcy adoita ser suficiente para problemas de movemento de auga no solo, como o deseño de sistemas de drenaxe.