Polímero polifenólico que desempeña un papel clave na formación das paredes celulares da madeira e da casca das plantas vasculares.
A composición e estrutura poden variar co tipo de vexetación (máis abundante na leñosa), o tipo de tecido, e a idade das células. Componse esencialmente de moitos derivados metoxilados do benceno (alcohois fenilpropanoides, tamén chamados monolignol), especialmente alcohois (alcohol p-cumarílico, alcohol p-coniferílico e alcohol sinapílico), o que fai que a súa estrutura sexa moi complexa.
Constitúe un dos compostos orgánicos máis resistentes (recalcitrantes) á degradación microbiana. Os enlaces carbono-carbono e éter que unen as subunidades na lignina só se rompen mediante un proceso oxidativo, o que require unha variedade de encimas.
As bacterias aerobias gramnegativas Pseudomonadaceae, Azotobacter e Neisseriaceae e os actinomicetos Nocardia e Streptomyces poden degradar a lignina, pero os organismos coas maiores capacidades degradativas son os fungos. A secuencia de degradación inclúe tres etapas: (1) hidrólise encimática (ligninólise) levada a cabo por fungos basidiomicetos, que implica a rotura dos polímeros e a formación de alcohois; (2) oxidación dos grupos alcohol e de enlaces C=C, con formación de grupos carboxílicos e fenólicos; (3) desmetilación.