...

Volume (nun perfil aparecen como unha superficie) que se distingue da matriz dun horizonte pola súa distinta cor. En xeral, son minoritarias no conxunto do horizonte ou non aparecen. Non obstante, en solos hidromorfos, as proporcións de manchas pardentas e de superficies contiguas de cores agrisadas ou abrancazadas poden ser equivalentes e incluso maioritarias. As manchas descríbense atendendo a:

1) natureza: de oxidación (cor parda a avermellada, por oxidación de compostos de ferro, e/ou negro por manganeso por procesos redox, ou por liberación durante a meteorización); de redución (cor verdosa ou azulada, polo Fe2+), en cuxo caso só se ven ao abrir a cata, xa que se oxidan rapidamente); de descoloración (cor agrisada, clara, descoloración por migración do Fe2+); de degradación; de materia orgánica acumulada; doutro horizonte (krotovinas, por actividade da fauna);

2) abundancia (determinada por comparación cunha táboa para estimar porcentaxes); 3) cor; 4) nitidez dos límites; 5) dimensións; 6) forma e orientación; 7) contraste; e 8) distribución relativa.

As guías de descrición de solos proporcionan os criterios de descrición. As manchas poden corresponder a condicións ecolóxicas actuais ou ben pasadas (manchas relictas ou herdadas). O interese do seu estudo reside en que permiten inferir procesos edafoxenétiicos (pasado o actuais), propiedades, estado de humidade do solo ou clase de drenaxe.