...

Conxunto de procesos que conducen á desintegración física, descomposición química e biolóxica, totais ou parciais, de rochas e de minerais cando entran en contacto coa atmosfera, a hidrosfera e a biosfera. Prodúcese como resposta ás condicións que rexen na superficie terrestre, cando estas rochas e estes minerais afloran ou están moi preto da superficie. Existe a meteorización física e a meteorización bioxeoquímica (química, biolóxica e bioquímica). As distintas clases de procesos de meteorización teñen lugar de forma simultánea, polo que pode resultar difícil establecer de forma separada os efectos debidos a cada un deles. Os procesos de meteorización preceden á formación do solo e proseguen ao longo da edafoxénese. Adoitan comportar a diminución do tamaño das partículas (fragmentación), a liberación de materiais solubles que se poden perder por lixiviación, e a neoformación de minerais a partir dos produtos da meteorización. Algúns autores utilizan indistintamente os términos meteorización (en español) ou intemperismo (en español latinoamericano) e alteración como sinónimos, se ben é máis específico utilizar os dous primeiros.