...

Meteorización que ten lugar por reacción dos ións carbonato ou hidroxenocarbonato que contén a auga cun mineral ou unha rocha, o que produce a súa descomposición por disolución. Estes anións proceden da actividade biolóxica do solo (das raíces e dos microorganismos) e, en moita menor proporción do dióxido de carbono (CO2) disolto na auga de choiva. Afecta a todo tipo de rochas, sobre todo na meteorización das rochas carbonatadas. Neste caso, os ións calcio Ca2+ e hidroxenocarbonato HCO3 liberados pódense perder por lavado ou ser translocados e precipitar a maior profundidade dentro do propio solo e formar horizontes de acumulación de carbonato de calcio (CaCO3) en solos de medios con clima semiárido ou árido.