Procedemento para determinar a densidade aparente dun agregado, asociación de agregados, terrón ou fragmento non alterado de solo. Unha vez secada a mostra en estufa (a unha temperatura adecuada á composición da mostra, p. ex. a menos de 50 °C en mostras con xeso), pésase e recúbrese integramente cunha lámina dun produto impermeable á auga (parafina en estado moi fluído, colodión, resinas ou vernices diversos). A continuación, pésase de novo para coñecer a masa do revestimento e de aí o seu volume. Introdúcese nun recipiente aforado con auga para determinar o volume da mostra, así como o revestimento, a partir do volume de auga desprazado. A densidade aparente determínase como o cociente entre a masa do agregado e o seu volume. Esta medida non toma en consideración a porosidade entre os agregados e resulta difícil de aplicar en solos non coherentes.