...

Método de campo para determinar a densidade aparente de solos, entulleiras ou camiños nos que predominen os elementos grosos (grava media e grosa), ao permitir medir cunha precisión satisfactoria o volume aparente dunha cavidade da que foi extraído con coidado o material para determinar a súa masa unha vez seco. Pódese proceder de distintas maneiras:

1) nivelar a superficie do terreo, introducir totalmente un cilindro metálico de un a dous metros de diámetro e uns 30 cm de alto, logo escavar e baleirar o cilindro con coidado, reservando o material extraído, para pesalo unha vez seco, así a relación entre a masa seca e o volume do cilindro permitirá determinar a densidade aparente;

2) no caso de que non sexa posible cravar o cilindro, escávase con coidado un volume determinado e resérvase o material extraído, para pesalo unha vez seco, logo colócase unha membrana plástica ou de látex flexible, adaptándoa perfectamente ao oco escavado, e engádese auga ata encher o oco, o que permite coñecer o volume do material extraído;

3) existen equipos consistentes nun tubo cheo de auga, un émbolo e unha membrana de látex, que permiten medir o volume do material extraído. A densidade aparente calcúlase como a relación entre a masa seca do material extraído e o volume do oco escavado.