Os procedementos utilizados para a determinación de índices cuantitativos da resistencia da estrutura do solo poden agruparse en función: 1) do axente fronte ao cal se mide esa resistencia (xeralmente métodos en seco, para avaliar a resistencia mecánica, e en húmido, para avaliar a resistencia á auga); 2) do (pre)tratamento das mostras; e 3) dos parámetros medidos para determinar o índice. Os métodos máis frecuentemente utilizados miden a resistencia da estrutura á acción da auga. O efecto da auga ao entrar en contacto con agregados nun solo seco pode producir: 1) o estalido do agregado pola presión do aire ocluído nos poros, como consecuencia dunha humectación brusca do solo; 2) a rotura mecánica do agregado polo impacto directo das gotas de auga; 3) procesos de expansión diferencial debido á presenza de minerais da arxila con diferentes capacidades de expansión ao se humectar; e 4) a aparición de procesos de dispersión e desfloculación por presenza de catións monovalentes (xeralmente sodio).
Os métodos existentes consideran estes factores de maneira diferente. Os métodos de humectación rápida avalían o resultado final de todos os procesos; os que inclúen pretratamentos intentan illar os procesos: 1) unha prehumectación lenta, p. ex. o método de Le Bissonnais (1996); 2) unha saturación previa con líquidos menos polares que a auga (p. ex. etanol) das mostras para evitar o estalido dos agregados; 3) unha combinación de varios pretratamentos (p. ex. método de Hénin); e 4) unha medida da resistencia fronte ao impacto de gotas de dimensións e velocidade coñecidas.