...

Asociación simbiótica mutualista entre as raíces dunha planta e un fungo. As hifas do fungo e as raíces secundarias conforman unha estrutura que permite o intercambio mutuo de auga e nutrientes entre ambos individuos.

A clasificación tradicional das micorrizas en endomicorrizas e ectomicorrizas, baseada na localización do fungo en relación aos tecidos da raíz, considérase demasiado simplista actualmente.

Distínguense cinco tipos de micorrizas en relación á localización das hifas con respecto á raíz da planta e a especificidade por determinadas especies de plantas: 1) endomicorrizas arbusculares, que forman asociacións endotróficas (as hifas colonizan os tecidos internos das raíces) coas raíces de aproximadamente o 80 % das especies vexetais, incluídas moitas plantas de cultivo; 2) endomicorrizas ericoides, que son micorrizas que forman asociacións con especies da familia Ericaceae (carrascas, quierogas) nas que as raíces están cubertas por unha rede dispersa de hifas; dentro destas pódense distinguir dous subgrupos especializados: 2.1) endomicorrizas arbutoides e 2.2.) endomicorrizas monotropoides, asociación micorrícica formada polas plantas aclorófilas das Montropaceae; 3) endomicorrizas orquidoides que son similares ás micorrizas ericoides, pero neste caso forman asociacións coas raíces da plántula da orquídea nova; 4) ectomicorrizas, nas que o sistema radicular da planta está completamente rodeado pola rede de hifas fúnxicas». 5) ectoendomicorrizas, que exhiben características tanto de ectomicorrizas como de endomicorrizas (teñen as mesmas características que as ectomicorrizas, pero mostran unha penetración intracelular extensa das hifas fúnxicas nas células vivas da raíz) e están esencialmente restrinxidas aos xéneros Pinus (piñeiro), Picea (abeto) e, en menor medida, Larix (alerce).

Os filos de fungos implicados nesta asociación son: Ascomycota, Basidiomycota e Glomeromycota.