Microorganismo (aerobio ou anaerobio) que contribúe a restablecer o equilibrio microbiano alterado por prácticas agrícolas inadecuadas. Comercialízanse como formulados líquidos que conteñen máis de oitenta especies de microorganismos para a súa aplicación ao solo e constitúen unha alternativa aos tratamentos químicos.
Trátase de cultivos mixtos de bacterias fototróficas (Rhodopseudomonas spp), bacterias produtoras de ácido láctico (Lactobacillus spp), lévedos (Saccharomyces spp) e outros fungos fermentadores.
Estas aplicacións ao solo contribúen a: 1) acelerar a descomposición da materia orgánica; 2) favorecer o crecemento das plantas ao aumentar a dispoñibilidade de nutrientes e segregar substancias beneficiosas como vitaminas, ácidos orgánicos, minerais quelatados e, fundamentalmente, substancias antioxidantes; 3) acelerar a xerminación de sementes, a floración e incrementar o crecemento e desenvolvemento dos froitos; 4) mellorar o equilibrio natural entre microorganismos e suprimir axentes fitopatóxenos. Siglas EM (en. efficient microorganism).