Elemento metálico de transición, de símbolo Mo, número atómico 42 e peso atómico 95,94. Na natureza, preséntase como wulfenita (PbMoO4) e formando parte da estrutura dalgúns feldespatos e dalgunhas micas. A maior parte de compostos de molibdeno son pouco solubles en auga, se ben o MoO4− é soluble. Nesta forma, pode ser adsorbido polos óxidos de ferro do solo (adsorción aniónica). Cando aumenta o pH no intervalo de 4,45 a 7,75, decrece a adsorción. Pódese atopar na materia orgánica do solo, e é necesaria a mineralización desta para que o molibdeno sexa utilizable polas plantas. É un micronutriente esencial para as plantas, xa que entra a formar parte das encimas, e para as bacterias fixadoras de nitróxeno atmosférico asociadas ás fabáceas (leguminosas).