Organismo pertencente ao Filo Nematoda, pseudocelomado. Son coñecidos vulgarmente como vermes redondos ou cilíndricos.
O seu corpo non está segmentado, é alongado, cilíndrico, cun tamaño que vai de 0,1 a 8 mm de lonxitude (até 4 mm en nematodos edáficos), e até 0,2 mm de diámetro.
Pódense dividir en seis grupos tróficos: os bacteriófagos, que se alimentan de bacterias; os predadores, que se alimentan doutros nematodos; os omnívoros, que se alimentan de bacterias, micelios de fungos, algas, protozoarios e rotíferos; os micófagos, que se alimentan de micelios; os fitófagos, que se alimentan de plantas, son axentes parasitos que poden causar grandes perdas económicas polos efectos negativos nas colleitas; e os zooparasitos, que son parasitos dos vertebrados e dos invertebrados, polo que algúns utilízanse na loita biolóxica.
Os nematodos edáficos, polo seu tamaño e pola súa mobilidade, son activos nas películas de auga (biopelículas) nos poros que rodean os agregados do solo. A pesar de que xeralmente son máis abundantes en solo húmidos, poden sobrevivir a desecacións prolongadas e a outras adversidades do medio; ás veces son reactivados por exsudados, ao volver a cultivar unha mesma especie de planta hóspede.
Ao ser moi pequenos non poden modificar directamente a estrutura do solo. Sen embargo, nalgúns ecosistemas xogan un papel moi importante na descomposición da materia orgánica e na dispoñibilidade de nutrientes, por medio da interacción con outros organismos.
Constitúen unha característica do medio e son moi sensibles ás prácticas agrícolas e aos contaminantes ambientais, polo que son bos indicadores biolóxicos e ecolóxicos.